A calidade do aire nos lugares de traballo


A calidade do aire no interior dun edificio determínase en función dunha serie de parámetros. Entre os mesmos atópanse a calidade do aire exterior, a compartimentación, o deseño do sistema de aire acondicionado, as condicións en que este sistema traballa e revísase e a presenza de fontes contaminantes e a súa magnitude.

Os contaminantes presentes no aire ambiente adoitan penetrar no organismo por inhalación e por tanto afectan inicialmente o aparello respiratorio e tamén ás mucosas orais, os ollos e a pel. Adoitan causar síntomas como dor de cabeza, mareos, náuseas, fatiga, pel seca, irritación de ollos, conxestión de seos nasais, rinitis e tose.

Os principais contaminantes que se poden detectar no ámbito laboral son os seguintes:

  • Produtos de combustión: dióxido de carbono, monóxido de carbono, fume de tabaco.
  • Materiais de construción: fibras de vidro,  asbestos, disolventes.
  • Produtos de consumo: pinturas, vernices, plásticos, colas, fibras téxtiles, empapelado da parede, pesticidas, produtos de limpeza, cosméticos.
  • Axentes biolóxicos: xermes, antíxenos, toxinas, bioareosoles.

Outro factor altamente relevante con respecto á calidade do aire é o confort térmico e a ventilación. O confort térmico depende do equilibrio entre a actividade física, a vestimenta, a humidade relativa, a temperatura e a velocidade do aire.

A marxe destes parámetros é estreito, polo que pequenas variacións neles poden desencadear queixas e malestares, tindo en conta a susceptibilidade de cada persoa.

Considérase que a subministración de aire debería renovarse entre 6 e 10 veces por hora, debe circular entre 15 e 45 metros por segundo, a unha temperatura entre 17º C e 22º C en traballos sedentarios e cunha humidade relativa do 40-60%.

Unha ventilación adecuada e unha temperatura axustada ao traballo realizado e ao espazo que se debe ventilar impedirán que as persoas traballen incómodas e que isto afecte o seu rendemento laboral.

Ventilación no marco COVID-19

Por regra xeral, o máis recomendable é favorecer sempre que sexa posible a interacción en espazos abertos, pero se iso non é posible a recomendación é fornecer tanto aire exterior fresco como sexa posible. O Ministerio de Traballo e Economía Social recomenda un mínimo de 12,5 l/segundo e ocupante.

Verificar que os equipos encargados da renovación de aire traballen polo menos nas súas condicións nominais de deseño, reducir ou eliminar no posible a  recirculación de aire nos equipos e programalos para iniciar a ventilación á velocidade nominal polo menos dúas horas antes do tempo de uso do edificio e reducir a unha velocidade máis baixa dúas horas despois do tempo de uso do mesmo.

Sempre que sexa posible promover a ventilación natural abrindo as xanelas, polo menos durante 15 minutos ao entrar á estancia, aínda que haxa ventilación mecánica.

Polo que respecta aos baños, manter os extractores sempre en funcionamento e descargar os inodoros coa tapa pechada.