Limpeza e desinfección dos centros de traballo


A Consellería de Sanidade aconsella empregar produtos  virucidas rexistrados polo Ministerio de Sanidade, indicando ademais que a adquisición doutro tipo de produtos non testados contra o COVID-19 pode dar unha falsa sensación de seguridade. Nos casos do ozono e o dióxido de cloro aínda se descoñece en que dose poderían ser empregadas na presenza das persoas. As tarefas de desinfección unicamente poden ser realizadas por empresas autorizadas na utilización de produtos biocidas

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa á poboación de que soamente se deben empregar produtos biocidas cuxa eficacia contra o virus  SARS- CoV-2 estea probada e rexistrada na listaxe de  virucidas emitida polo Ministerio de Sanidade.

O último listado de biocidas -con actividade  virucida- publicada polo Ministerio de Sanidade foi actualizada o pasado día 20 de abril e, nesta, figuran os produtos que poden ser empregados tanto no uso doméstico, como na desinfección de grandes espazos públicos. Sanidade advirte que empregar produtos non recollidos na listaxe do Ministerio pode dar lugar a unha falsa sensación de seguridade.

Neste sentido, sinala que no caso do ozono ou dióxido de cloro, aínda que xa foron avaliadas as súas capacidades como  virucidas en determinadas condicións, aínda se está facendo unha avaliación sobre o risco que supón o seu emprego.

Desde a Dirección Xeral de Saúde Pública incídese en que para ser autorizado o uso dun biocida, precísanse avaliacións de carácter toxicolóxico, eco-toxicolóxico e físico-químico, ademais da toda a información relativa aos seus usos, concentracións e datos de exposición. Con todo, e dado que se descoñecen os seus efectos ao ser  nebulizados sobre as persoas, desaconsellase o seu emprego.

Así mesmo, e ante a detección dun incremento de empresas de limpeza e mantemento que están a ofertar os seus servizos de desinfección en espazos públicos e privados, o Sergas incide en que todas as empresas que presten servizos de desinfección a terceiros mediante o uso de biocidas, deben estar inscritas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas da Comunidade Autónoma de Galicia (ROESB Galicia) pois, estas empresas están suxeitas a constantes inspeccións por parte das autoridades sanitarias e ademais de contar con persoal técnico cualificado para desempeñar as tarefas de desinfección.