Desenvolvendo o Plan de Formación en PRL da Ceo


Como sinalabamos no boletín de setembro, a Ceo desenvolveu durante o mes de outubro gran parte da accións formativas que forman o Plan de formación en PRL 2020 financiado pola Xunta de Galicia dentro das accións de fomento da prevención de riscos laborais para 2020.

Durante o mes de setembro as restricións impostas polas autoridades políticas e sanitarias debido ao Covid-19 fixeron imposible iniciar ningunha das accións previstas. Motivo polo que a gran maioría das accións desenvolvéronse en outubro: tres edicións de carretillas elevadoras, ponte guindastre, traballos en altura, traballos verticais, ademais do inicio de dúas edicións do curso básico de prevención de riscos laborais de 60 horas.

Desta forma para novembro quedará a finalización dos dous cursos básicos antes mencionados, así como o inicio das accións dedicadas a montaxe e desmonte de estadas e os traballos en espazos confinados.

Situación complicada a vivida ao longo destes dous meses que esixiu modificar continuamente a planificación formativa realizada, debido á necesidade de adaptarnos ás medidas impostas polas autoridades: restricións perimetrais de cidades e polígonos, limitación de aforos diferentes segundo as localidades e a incidencia do coronavirus nas mesmas.

Igualmente adaptamos protocolos Covid-19 no desenvolvemento das accións formativas: uso obrigatorio de máscaras (proporcionadas a todos os alumnos), etiqueta respiratoria, xeles  hidroalcohólicos e virucidas, desinfección de aulas e equipos de prácticas, así como a  obrigatoria distancia de seguridade entre os participantes.

A resposta á programación formativa de 2020 tivo a mesma resposta positiva de anos anteriores, polo que non apreciamos que os alumnos tivesen medos ou reservas á hora de participar nas mesmas. Aínda que si é certo que este ano formamos a menos traballadores debido a que limitamos a asistencia a 15 alumnos para tentar na medida do posible minimizar o risco de contaxio.