A Xunta creou un grupo técnico xunto cos axentes sociais, dirixido pola Directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, para avaliar e incidir en medidas de prevención de riscos naqueles sectores que presentan maiores índices de sinistralidade laboral. É o caso de ámbitos como a construción, a pesca, a industria, o campo, o forestal, os servizos, a xardinería ou os talleres de reparación de automóbiles, entre outros. O que se pretende con este grupo de traballo, estritamente técnico e creado a través dun acordo cos axentes sociais no seo do Consello galego de seguridade e saúde laboral, é estudar e adoptar políticas de prevención axustadas á realidade para evitar na medida do posible os sinistros laborais.
Ao longo do próximo ano incidirase na comprobación do cumprimento das medidas de protección da maternidade nos centros de traballo, así como nas accións de prevención e hixiene fronte á covid-19 nas empresas galegas, como son, entre outros, a adopción de medidas de ventilación, limpeza e desinfección, a ordenación dos postos de traballo e a organización das quendas, así como as medidas destinadas a garantir a distancia de seguridade interpersoal mínima de 1,5 metros entre os traballadores.