Un 28 de abril diferente, Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo baixo o Covid-19
Nunca imaxinamos que celebrariamos o 28 de abril de 2020 no medio da declaración dun estado de alarma e no centro dunha crise de saúde pública mundial.
O Covid-19 alterou as nosas vidas e a nosa forma de traballar. Todas as medidas coñecidas e aplicadas ata o de agora saltaron polo aire, xa non serven, non son suficientes.
En poucas semanas, cando non en días, tivemos que deseñar protocolos e procedementos para minimizar o dano deste coronavirus na saúde dos traballadores de todos e cada un dos sectores de actividade. Nunha carreira contra reloxo tivemos que dar resposta a problemas que nunca pensamos ter.
Queremos destacar neste sentido o labor levado a cabo polo Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo ( INSST), así como polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), no ámbito autonómico, que elaboran e actualizan, case diariamente, guías de recomendacións preventivas de saúde laboral fronte ao coronavirus.
Mentres tanto, as organizacións empresariais estamos a dedicar o noso esforzo para dar resposta ás dúbidas, preocupacións e necesidades dos empresarios na súa loita por protexer a seguridade e a saúde dos seus traballadores ao mesmo tempo que tentan manter en pé as súas empresas, como motor necesario de xeración de emprego e riqueza para o noso país.
A Organización Internacional do Traballo, entidade que organiza este Día Mundial desde 2003, tivo que adaptarse tamén aos novos tempos, substituíndo a campaña inicialmente prevista para 2020, sobre a violencia e o acoso no mundo do traballo, por outra enfocada ao Covid-19, baixo o lema Deteñamos a pandemia: a seguridade e saúde no traballo pode salvar vidas.
A OIT recoñece así “o gran reto que enfrontan os gobernos, empregadores, traballadores e todas as sociedades no mundo enteiro para combater a pandemia de COVID-19”, enfocando o Día Mundial da Saúde e Seguridade no Traballo en abordar o brote de enfermidades infecciosas no traballo.
Se está interesado en coñecer o contido da campaña pode acceder a el na seguinte ligazón